A CÁMARA FOTOGRÁFICA


No mercado existe unha gran variedade de cámaras fotográficas con diferentes formatos. Xa se trate das cámaras compactas máis sinxelas ou das cámaras réflex, os principios xerais que rexen o seu funcionamento son similares, e son os seguintes:



  • Visor:  É a parte da cámara que se utiliza para encadrar e enfocar a imaxe. É a xanela que nos permite previsualizar a fotografía antes de pulsar o disparador. Existen diferentes tipos de visores: visor óptico directo (usado nas cámaras compactas), visor réflex (caracterizado polo pentaprisma ou xogo de espellos, e usado nas cámaras réflex) e visor electrónico (usado nas cámaras compactas de obxectivos intercambiables).


  • Obxectivo:   É un sistema óptico formado por un conxunto de lentes, cuxa función é formar a imaxe que vai capturar o sensor.


  • Sensor:  Transforma a imaxe óptica creada polo obxectivo nunha serie de sinais eléctricos que darán lugar á imaxe dixital. Está composto por unha matriz de millóns de diminutas celdas chamadas fotositos. Dentro de cada unha destas celdas atópase un fotodiodo (compoñente electrónico sensible á luz).


  • Diafragma:  Mecanismo situado no interior do obxectivo que se utiliza para regular a intensidade de luz que chega ao sensor. Está formado por un conxunto de láminas metálicas que se moven de forma radial para abrir ou pechar un orificio de tamaño axustable.


  • Obturador:  Permite controlar o tempo que vai estar exposto o sensor á acción da luz. A súa función é regular a luz que vai alcanzar o sensor (o tempo de exposición).


  • Pantalla:  Todas as cámaras dixitais teñen unha pantalla na súa parte posterior. As súas funcións son: previsualizar a imaxe antes do disparo, mostrar as imaxes unha vez realizada a fotografía e acceder aos menús que permiten modificar a configuración xeral da cámara ou os parámetros das fotografías.



  • Diales e botóns de control:  Permiten configurar a cámara fotográfica e os parámetros das tomas fotográficas. A cantidade e funcións dos botóns de control dependen dos fabricantes e da complexidade do equipo. Os máis habituais son: o botón de aceso/apagado, o dial de modo de funcionamento, o dial principal, o botón de disparo, o botón de reprodución e o botón de acceso aos menús da cámara.


Imagen relacionada

Comentarios

Entradas populares